De dilixencias incautatorias atopadas nun arquivo

Das cousas que se poden atopar nun arquivo dixitalizado: as dilixencias incautatorias instruídas no Barco de Valdeorras no ano 1937. E atopamos as causas contra Florencio Delgado Gurriarán: ” organizador del comunismo” e posuídor de 50000 pesetas.

Páxina de Galiciana na que se fala dos “bens” incautados a FDG e o seu vencellamento político

E vaia dende aquí o noso agradecemento aos profesionais de arquivos, bibliotecas e museos polo traballo de conservar a memoria e proporcionar esa reflexión necesaria a partir da documentación do pasado.

Das bibliotecas imaxinadas: reconstruír os andeis da de FDG

Lendo Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista,de Ricardo Gurriarán, atopamos uns longos parágrafos adicados aos libros que marcaron a súa mocidade, a súa xuventude. Cunha biblioteca doméstica variada, os intereses do autor homeaxeado neste ano nas Letras xa agroman na primeira xuventude. Fixemos esta homenaxe, este pequeno agasallo, usando os fondos da BUSC (a ver se recoñecedes as revistas Lar e Céltiga, algunha novela de Pérez de Ayala, Curros Enríquez, Pondal, Rosalía, El cuento semanal con unha novela de Sofía Casanova, El mentidero, Amado Nervo, Francisco Añón …unha marabilla).

Falando con Miro Villar de “Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano”

Aproveitando a publicación de Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta mexicano (Xerais, 2022) tivemos a oportunidade de enviarlle unha serie de preguntas arredor desta biografía ao seu autor, Miro Villar. Agradecémoslle á súa entusiasta e pronta resposta, así como todos os detalles que contén a propia entrevista. Dende a BUSC, grazas.

Miro Villar, nunha lectura poética no Museo do Pobo Galego. Cedida polo autor

1.- A escolla de Florencio Delgado Gurriarán como autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2022 pon enriba da mesa a débeda que Galicia ten coa escrita do exilio republicano. Pensas que pode servir como un punto de partida para recuperar a memoria e obra doutras figuras para o gran público e que conforman esa diáspora non tan recoñecida nin coñecida?  

Na nosa historiografía en xeral, e en particular na nosa historiografía literaria, non abondan os estudos sobre o exilio republicano. Con todo hai achegas importantes como algúns textos do profesor Xesús Alonso Montero ou como o volume que sintetiza a tese de doutoramento de Xosé Manuel Maceira Fernández, A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural (1995). Tamén a propia celebración do Día das Letras Galegas ao analizar a obra de Eduardo Blanco-Amor en 1993, de Luís Seoane en 1994, de Rafael Dieste en 1995 e de Lorenzo Varela en 2005 aproveitouse para achegamentos á diáspora galega na Arxentina, tanto da emigración como do exilio. Porén o exilio mexicano estaba (e aínda está) moi desatendido. Certo é que menos numeroso que o radicou no cono sur americano, mais do punto de vista cualitativo é un exilio tamén moi importante cono nomes tan significativos como o musicólogo Xesús Bal y Gay, o actor (amado por Lorca?) Serafín Ferro, o xornalista Luís Soto, o pintor Arturo Souto, o cineasta Carlos Velo ou, entre outros, Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro do poeta León Felipe do que é como poeta e como editor. Na miña opinión xa tarda a recuperación do legado e da memoria de moitas destas persoas. Oxalá se produzan, máis cedo que tarde, novas investigacións que nos deiten luz sobre este e outros exilios escasamente coñecidos. É unha débeda que temos co seu espírito democrático e co seu talento intelectual e creativo.

2.-Pareceunos moi interesante o acceso que ten, dende moi novo, a unha biblioteca bastante ben surtida tanto de clásicos galegos como de revistas que viñan de alén do mar, o que xa fala dun certo compromiso familiar coa cultura galega. Como era, que coñecemos deste ambiente familiar ou a súa ligazón cultural? 

A verdade é que, de facermos caso ao propio poeta corgomés, habería que matizar (eu mesmo) esa afirmación de que tiña unha biblioteca ben nutrida de clásicos da literatura galega. Na entrevista que lle fai Dolores Plá a Florencio Delgado Gurriarán realizada na cidade mexicana de Guadalajara os días 23, 24 e 25 de agosto de 1979 (e que recuperou o Consello da Cultura Galega no seu Álbum de Galicia: , ao falar sobre a orixe do seu galeguismo afirma textualmente: “Pues en parte, como le digo … las lecturas de, de un único libro que teníamos entonces en casa en gallego que era Ay da miña Terra de Carlos Enríquez, que parte de un contacto con el pueblo”. (Plá transcribe incorrectamente o título Aires da miña Terra e o nome do poeta celanovés Curros)

E engade na mesma entrevista: “estando en Valladolid, precisamente, conocí … me dieron, me regalaron un número de A Nosa Terra que era un boletín de las hermandades de La Coruña, las hermandades gallegas. Y para mí fue una revelación, porque yo no sabía que había más gente que se preocupara del gallego -aparte de los v jos- ¿verdad?, aparte de los del siglo pasado, digamos, Carlos (sic por Curros) Enríquez y Rosalía ¿verdad?”.

Polo tanto, na casa familiar había unha boa biblioteca, de certo, mais a literatura en galego era anecdótica, por moito que ese libro de Curros fose moi importante no seu labor creativo. E será anos máis tarde, cando vive en Valladolid, e grazas ás publicacións periódicas, nomeadamente, A Nosa Terra, cando Florencio coñeza e descubra con abraio toda a nosa tradición cultural e literaria. De feito, a aproximación a todo este acervo vai ser fundamental naquel mozo para a súa afectiva aproximación ao galeguismo da época que o levará a militar no Partido Galeguista.

3.- Un aspecto que sinalas na biografía é ese vencello coa terra dende moi noviño malia as mudanzas impostas polo traballo do pai. Esa Arcadia infantil ten a súa materialización no uso da lingua galega (que tamén foi a lingua na que se iniciou nos estudos) e que nunca abandonou, ligando, tempo polo medio, con ese “niño de galeguistas” como dis ti no libro, que será a revista Saudade, publicación mexicana en galego…podes comentar un pouco deste vencello non soamente coa cultura galega, senón coa lingua como instrumento?  

Saudade, aínda que con menos calidade estética que a posterior Vieiros, é unha revista que convido a (re)ler, hai unha boa reedición facsímile feita polo Centro Ramón Piñeiro (que se pode consultar en papel na Biblioteca Xeral, como eu fixen hai anos, mais agora tamén en pdf na rede. Os dous proxectos, fundamentais na biografía de exiliado de Florencio Delgado Gurriarán, teñen como norte a lingua e a cultura galega. Saudade, que citas, tiña un subtítulo abondo significativo Verba Galega nas Américas. Entre os seus presupostos está a continuada defensa da lingua galega como símbolo identitario, até boa parte da publicidade está en galego, inaudito naquel tempo, e para ese obxectivo de dignificar o noso bota man de numerosas colaboracións, case medio cento de nomes que van desde os clásicos do noso Rexurdimento até autores contemporáneos do poeta corgomés, tanto do exilio e da emigración, como do denominado “exilio interior”. Por certo, alén de Rosalía tan só dúas mulleres, Chita Lamas (dona de Ramiro Illa Couto, membro do consello de redacción) e a poeta ourensá Pura Vázquez. Malia predominar a creación literaria, sobre todo a poética, na revista tiveron acubillo todas as temáticas, desde a antropoloxía até as diferentes manifestacións artísticas, música, pintura…

4.- Despois do perigo vivido durante a fuxida trala Guerra Civil, o asentamento laboral e persoal en México e seguir coa súa tarefa de difusión e contacto cultural coa terra, destaca ese traballo como tradutor de fontes ben variadas e, tamén, as recensións das obras que chegaban de Galaxia. Esa comunicación, mar e ditadura polo medio, deu uns froitos ben interesantes alén da terra. Podes comentar algo da antoloxía Poesía inglesa e francesa verquida ao galego

No Claustro Alto do Pazo de Fonseca, o libro de Miro Villar (premede na imaxe para rexistro bibliográfico).

A colectánea Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires: Alborada, 1949) foi elabora a tres mans, en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández, e co mecanoscrito desta obra coa os seus autores foron premiados no certame literario convocado no XXV aniversario da Federación de Sociedades Gallegas (FSG) na emigración arxentina. É importante salientar que Florencio anosou trece autores en lingua francesa (Rimbaud, Mallarmé, Regnier, Valéry, Claudel, Tristan Klingsor ‒pseudónimo de Léon Leclère‒, Lucie Delarue-Mardrus, Cocteau, Drieu la Rochelle, Philippe Chabaneix, o flamengo Maeterlinck, a escritora de orixe romanesa Hélène Vacaresco e o escritor de orixe uruguaia Jules Supervielle) e que anos despois tamén realizou a primeira versión galega do Cimetière marin, de Valéry. É un fito para a nosa cultura, como o foi antes poñamos por caso que Ramón Otero Pedrayo traducise fragmentos do Ulysses de James Joyce, porque facía parte da estratexia do galeguismo para demostrar que a lingua galega era adecuada para traducir, anosar, calquera texto da literatura universal. Por outra parte, esas traducións dan conta da bagaxe lectora que Florencio atesouraba e tamén esas lecturas poéticas van influenciar a modernización do seu propio discurso literario.

5-Despois de Bebedeira- publicado pola Nós de Ánxel Casal -atopamos unha voz radicalmente distinta en FDG no Cancioneiro da Loita Galega, no que o autor maioritario desta antoloxía é “Nadel”, pseudónimo do poeta. Fronte o lirismo primixenio unha verba combativa, dura e belixerante, con fondas homenaxes a compañeiros desaparecidos e tamén poesía satírica adicada a Franco. 

O orixinal do Cancioneiro da loita galega (1943), do que por certo tedes un exemplar na Biblioteca América que as persoas investigadoras coma min poden consultar, publicouno o Partido Galeguista de México o Día de Galiza de 1943, editouse unha imprenta da cidade de Durango que estaba participada polo Goberno de México, e leva a seguinte dedicatoria: «En lembranza / de Ángel Casal; / de Xohan Carballeira; / de Pepe e Manoel Castelao; / de Todol-os irmans; / de Todol-os Galegos. / Mortos por Galiza.»

Por volta de 1996 as desaparecidas Edicións do Castro, do chorado e lembrado Isaac Díaz Pardo, fixeron unha edición facsimilar, que tamén tedes no catálogo da Biblioteca Xeral e para o que se usou un orixinal depositado na biblioteca da Fundación Penzol, e no seu limiar o profesor Alonso Montero sinala que o verdadeiro armadanzas do proxecto literario foi Florencio.

Como ben sinalas, nunha ducia de poemas Delgado Gurriarán utilizou o pseudónimo Nadel, aos que o seu biógrafo Ricardo Gurriarán (1999, 2022) engadiu dous sen asinar por atopar os manuscritos no arquivo persoal do poeta e outros dous asinados co pseudónimo R. Miño, plo que é o autor máis prolífico da colectánea. Do punto de vista formal predominan os romances polimétricos e os sonetos como as elexías «Alexandre Bóveda», «Segundo García» e «Un guerrilleiro». Os máis teñen epígrafes reveladoras, poñamos por caso: «Ía a misa de doce», «Levan a Cristo por fora», «A un vello falanxista», «Home pequeno‒fol de veneno» e «Foliada para o día da Victoria». En efecto hai versos satíricos contra Franco, nomeadamente en «As cabalgadas do Farrucón Farruquiño» ou «Home pequeno – Fol de Veneno». Velaquí unha pequena mostra:

Franco, Franquiño,

piquirrichiño:

nas nádegas de Hitler

puxeche o fuciño.

E o “duce” da Italia

Tamén llas bicache,

pra que te fixeran

o que ti soñache.

6.-No teu libro trazas, nese sentido, un percorrido pola produción poética de FDG non exenta de certos ollares críticos, ao xuízo de hoxendía, a algún poema en concreto no que o erotismo pode revestirse dun aura patriarcal e mesmo colonialista, non?  

Nun artigo intitulado «A sensualidade na poesía de Florencio Delgado Gurriarán» que vou publicar no Faro da Cultura, suplemento cultural do Faro de Vigo, abondo nesa idea. A crítica feminista, nunha lectura contemporánea, sinala que algúns dos versos amatorios son reprobables ao demostraren un acusado eurocentrismo e machismo, sobre todo nos “Poemas mexicanos” e de xeito singular no erotismo do baile dunha ‘preta’ que se describe en “Rumba”, con enunciados deste teor: “Preta, / preta de arrecendo bravo, / preta, / ¡ouh preta!, teu corpo é todo / berro a chamar polo macho.”

Xosé Ramón Pena (2022) fai notar que o citado poema, malia aparecer nese apartado, nada tería ver cos anos do seu exilio mexicano pois unha primeira versión xa lle fora enviada a Filgueira Valverde para a fanada antoloxía de 1936 e a temática estaría na liña da imaxe evocativa sobre a paixón das mulleres do trópico tan presente nas literaturas hispánicas das décadas anteriores e que se emparenta con poéticas que conformaban o canon literario como a de Rubén Darío.

Esa e non outra debeu ser a fonte de inspiración para o descarado erotismo de “Rumba”. Nese momento Florencio aínda estaba lonxe da súa experiencia vital achegada a persoas doutra cor. O seu biógrafo Ricardo Gurriarán (1999, 2022) rescatou algunhas imaxes co poeta valdeorrés nunha escala na Martinica por avaría do «Ipanema», que levaba 998 refuxiados políticos que saíran de Bordeos en xuño de 1939 cara a México. Nunha delas, de branco e con dous compañeiros, Florencio conversa con dúas mulleres afromericanas, en defensa da alegría e para esqueceren os horrores da guerra.

7.- E para rematar…cal sería a túa recomendación para achegarse á obra de FDG?  

A recente edición da súa Obra poética que compilou Xosé Ramón Pena en Xerais permite diferentes ángulos de lectura. Os versos de Florencio Delgado Gurriarán, cheos de ritmo e de musicalidade, permiten achegarse desde a música (como sucedeu con Xela Arias hai varios proxectos en marcha e algún concluído nese senso), hai a quen lle poida interesar máis a súa poesía amatoria, ou a súa poesía sobre a natureza, quen escolla os seus versos báquicos, dionisíacos sobre o mundo da viticultura valdeorresa ou quen prefira a súa poesía de combate ou aqueles textos nos que fai reflexións moi actuais sobre a nosa lingua, e mesmo hai poemas que son como contos ou fábulas adecuados para primeiros lectores e lectoras. En fin, a poesía de Florencio é moi poliédrica e ao tempo carece de moita dificultade de comprensión, está moi achegada á cultura e á lingua popular, porque eu recomendaría entrar sen medo na lectura. É ben difícil non atopar algún poema que nos chegue. Dde feito, remato cun fragmento da súa segunda (Auto)Poética para a Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955) Edición, Limiar e Notas bio-bibliográficas de Francisco Fernández del Riego, onde afirma:

“A poesía non compre entendela, sinón sentila; a súa función peculiar é a de comunicar unha emoción; non transmitir un pensamento, sinón deixar na sensibilidade do lector unha sorte de vibración que corresponde ó que sinte o poeta.”

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos